A Concellaría de Turismo de Padrón está a traballar na elaboración dunha nova aplicación web para promocionar o Camiño de Santiago da Pedronía -de Compostela ata Padrón- mediante a divulgación de información sobre o seu patrimonio cultural a través de mapas interactivos que permitan percibir esta ruta de peregrinaxe “con tódolos sentidos e desde a alma e para a alma”. Este proxecto denominado “Creando consciencia coa Pedronía” desenvólvese ao abeiro das axudas do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.
Baixo a coordinación da empresa Latexos de Turismo, a primeira fase do proxecto consistirá na realización de entrevistas e a gravación de vídeos e audios para recompilar toda a información posible sobre lendas, mitos, crenzas, ritos, toponimia, oficios tradicionais, música da época, personaxes e outras curiosidades vinculadas co Camiño de Santiago da Pedronía. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, dita información publicarase na aplicación web para “incitar aos usuarios, fundamentalmente aos peregrinos, turistas e visitantes, a percorrer esta emocionante ruta e tamén para poñer en valor a riqueza deste patrimonio inmaterial que reflicte a idiosincrasia da comunidade local”.
“O proxecto pretende darlle visibilidade a toda esa información que actualmente non pode atoparse en ningunha guía nin páxina web e que cremos que debe ser transmitida e contada”, indicou a concelleira. Ademais, avanzou que este proxecto introducirá no mercado turístico “unha actividade de lecer de turismo consciente”, que estará dixirida a públicos moi diversos: singles, familiar, turismo senior, millennials, deportistas, de retiro, etc. A encargada de introducir no mercado estas actividades e de posicionalas e comercializadas será a axencia Viajes Alma Gaia, baixo o nome comercial Galicia Es Más.
“O obxectivo final de todas as accións que estamos a desenvolver é acadar o recoñecemento oficial deste Camiño de Santiago da Pedronía, o que suporía un pulo definitivo para ao despegue do sector turístico en Padrón”, concluíu Lorena Couso.
Nota de Prensa publicada polo Concello de Padrón