O pasado 5 de maio, unhas cen persoas tiveron a oportunidade de realizar de maneira gratuíta un percorrido pola
Ruta Rosaliana “
As pegadas de Rosalía“.
Os veciños dos municipios organizadores desta ruta: Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela visitaron, ao longo de todo o día, os lugares máis emblemáticos na vida da escritora. Durante este itinerario cultural desenvolvido a partir da ruta deseñada polo intelectual Avelino Abuín de Tembra os asistentes contaron coa presenza do “espírito” de Rosalía interpretado pola actriz Mercedes Tarrío caracterizada que os acompañou durante todo o percorrido.
O itinerario realizouse en autobús e con guías ao longo de toda a xornada onde os participantes puidéronse achegar un pouco máis á a vida e ao legado de Rosalía de Castro.
As concelleiras de Turismo de Padrón, Lorena Couso, e de Ames, Isabel González, acompañaron aos participantes ao longo de todo o día. Os alcaldes de Ames, José Miñones, de Brión, José Luis García, e de Padrón, Antonio Fernández tamén acompañaron aos asistentes en distintos puntos da ruta.
O punto de partida foi o Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela onde se atopan os restos mortais de Rosalía. Alí, tras a explicación do guía, realizouse unha ofrenda floral aos pés da súa tumba. A seguinte parada do grupo foi a Praza de Vigo onde viviu no seu día Rosalía e onde actualmente atopamos un monumento na súa memoria. Neste punto depositouse unha rosa do mesmo xeito que nas seguintes paradas da ruta.
A seguinte visita tivo lugar en Ortoño, no concello de Ames, onde a autora pasou parte da súa infancia. Alí no medio dunha arboleda “o espírito” de Rosalía descalzouse e deleitou aos asistentes coa súa interpretación. A ruta proseguiu ata a Igrexa de Bastavales, no Concello de Brión. Alí as campás cobraron protagonismo soando ante un público atento que rompeu en aplausos tras escoitar a canción de Rosalía.
O itinerario continuou en Padrón, onde se fixo unha parada para comer alí e proseguir coa ruta pola tarde desde a estatua de Rosalía. A visita guiada a Casa Museo foi levada a cabo polo presidente da Fundación Anxo Angueira. En metade da visita, o “espírito” de Rosalía provocou que os asistentes se arrincasen a cantar de forma espontánea, producíndose así un dos momentos máis emotivos da xornada. Como punto final a actividade concluíu coa lectura dalgunhas das cartas que escribiu Rosalía e un concerto a cargo da soprano Anna Melikhova, que encheu de aplausos a Colexiata de Iria Flavia.
Os participantes desta ruta tiveron ocasión de re descubrir unha Rosalía desde outra perspectiva e manifestaron a súa satisfacción tanto co percorrido como coas actividades levadas a cabo en cada punto do itinerario.