Publicamos esta nova páxina na que ofrecemos toda a información sobre o noso traballo de xestión do territorio de Galicia: desde a planificación turística ata a venda de viaxes.
Desde fai un par de meses traballamos nun novo proxecto que hoxe se converte en realidade: un receptivo de Galicia, Galicia é +. Para dar a coñecer esa Galicia descoñecida Luisa e Minia unímonos e selamos os nosos camiños co Grupo Tau Turismo & Travel.
Os alicerces de traballo principais son o de consultoría e axencia de viaxes, que se fusionan para ofrecer outros servizos como central de reservas para outros profesionais ou xestión integral de eventos.
O noso obxectivo, a finalidade última, é deseñar produtos turísticos e programas diferenciadores do territorio que se adapten ás novas demandas: o pioneiro turismo enerxético, a práctica de retiros ou a apertura e recuperación dos Camiños Sacros en Galicia.
Da Lamprea con Alma á viaxe enerxética para a alma, e con alma
Porque o facemos todo con alma e desde o corazón, falamos de Galicia con Alma.
Nestes meses pasados hamos creado o produto Lamprea con Alma, un programa turístico con diferentes opcións (excursión de medio día, dun día, viaxe en barco ou escapadas) que se desenvolve no territorio bañado polas augas do río Ulla: terra de valeiros en Pontecesures e de pesqueiras en Herbón.
Para primavera e verán, estamos a deseñar varios retiros, escapadas e excursións temáticas relacionadas cos Camiños Sacros: camiños que existen desde antigo que poden coincidir co Camiño de Santiago ou non. Un produto desestacionalizador que vai máis aló do Camiño de Santiago e acorde a varios segmentos de mercado: millennials, senior, familias, cicloturistas…
Para despois do verán, acabamos de anunciar a viaxe Galicia Templaria: unha viaxe de turismo enerxético na que o noso subconsciente traballará para coñecer a Galicia consciente. Unha viaxe interior onde cada un é protagonista do seu propio camiño.
Atopamos a nosa misión persoal e profesional dentro do sector do turismo de Galicia co Grupo Tau Turismo & Travel.